Os gardiáns da ría de Cedeira

A costa de Cedeira atópase custodiada por tres faros enclavados en lugares impresionantes, que enmarcan a súa paisaxe. Faros que durante o día son magníficos miradoiros sobre o litoral e que ao chegar a noite son sinal e guía para navegantes.

Faro de Punta Candieira

Para chegar ata el hai que atravesar a Ponte Vella, coller á dereita seguindo os sinais que indican “Faro da Candieira”, e continuar, sen coller ningún desvío, un total duns oito quilómetros. O recomendable, sobre todo no caso de vehículos grandes como autocaravanas, é deixar o coche no miradoiro que hai ao lado da canteira antes de emprender a última baixada desde o Monte Purrido, xa que o último tramo da estrada é bastante sinuoso: está formado por curvas en zigzag costa abaixo, o que dificulta a circulación no caso de que se crucen dous vehículos.

O faro que alberga a Punta Candieira construíuse entre 1929 e 1933, aínda que non entrou en funcionamento ata 1954, con motivo do naufraxio do pesqueiro Río Lagares. O edificio ten forma de <U> coa torre acaroada de forma hexagonal na cara que dá ao mar. Actualmente depende da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. A súa luz encóntrase a nove metros e alcanza as 21 millas náuticas.

A zona de Punta Candieira tamén posúe un grande interese xeolóxico. Destacan nesta zona os gneises (orixinados a partir de sedimentos) e as anfibolitas (de cores máis escuros). A canteira de Purrido, que se atopa ao pé do miradoiro, é un antigo punto de extracción destas últimas rochas, as anfibolitas, empregadas tradicionalmente na construción de boa parte dos hórreos do concello de Cedeira.

Localización: 43.710987, -8.047101

Faro da Robaleira

Para chegar ao faro da Robaleira hai que deixar o coche ao final da Praia da Madalena, na zona de San Isidro, posto que o camiño tan só se pode realizar a pé. Iniciaremos o percorrido subindo unha estreita pista asfaltada que atravesa un grupo de casas, e a uns centos de metros veremos a indicación cara ao miradoiro da Robaleira á nosa dereita. Desde ese punto comeza unha pista forestal que nos levará ata o faro e o miradoiro da Robaleira, que tamén serve como acceso a dúas calas virxes: Mi Señora (fronte ao porto pesqueiro) e Cerdeiras ou “Burbullas” (coa Praia de Vilarrube de fondo). A primeira ten un acceso difícil, pero merece a pena.

O faro foi construído en 1862 e é tamén coñecido como Faro de Cedeira ou Faro de Punta Promontorio. Trátase dunha construción sinxela con torre hexagonal branca que ten como obxectivo o de ofrecer a mellor visualización a quen vai camiño do porto. Dependente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a súa luz alcanza as 11 millas e foi o primeiro en funcionar alternando enerxía solar e eólica.

Desde este enclave pode divisarse o casco histórico de Cedeira, a ermida de Santo Antonio de Corveiro e a cala de Sonreiras, detrás do porto pesqueiro.

Localización: 43.650852, -8.069919

Baliza – Faro de Punta Sarridal

A baliza-faro situada neste alto, rodeada dos restos do Castro da Vela, marca, xunto co Faro da Robaleira, a ruta de entrada no porto de Cedeira. Ten sete metros de altura e a súa torre vermella cilíndrica atópase a más de 30 metros de altitude con respecto ao mar. A súa luz (branca e vermella) alcanza as 11 millas.

Para chegar a este lugar hai que deixar o coche no aparcadoiro da parte superior do Castelo da Concepción (ao cal se chega cruzando a Ponte Vella da vila, tornando á dereita e seguindo as indicacións) e desde aí iniciar o sendeiro indicado como “Miradoiro de Sarridal”. Este camiño dá acceso tamén ao Castro do Sarridal e á cala de Sonreiras. Ao final do mesmo sendeiro atópase o miradoiro de Sarridal, con espectaculares vistas á boca da ría de Cedeira.

Localización: 43.660182, -8.075317