No Concello de Cedeira poden contemplarse algunhas das máis fermosas panorámicas de Galicia, con miradoiros desde os que contemplar o océano Atlántico contra incribles cantís, rodeados de flora e fauna autóctonos.
Seguindo o camiño dos miradoiros, nalgúns puntos poden contemplase “milladoiros” ou “amilladoiros” que son montañas de pedras colocadas nas marxes ou nos cruzamentos de camiños polos romeiros e visitantes.
Os miradoiros de Cedeira son tamén un excelente punto de observación de aves, pois nestas paraxes cría a pica alpina (propia de cotas máis altas) e pode verse moi facilmente durante todo o ano. Os merlos papoblancos detéñense no mes de abril nesta zona antes de seguir ás Illas Británicas e Escandinavia. No outono pode observarse como chegan bisbitas comúns e lavercas en bandos, e no inverno píldoras douradas e frinxílidos.
MIRADOIRO DE SAN FIZ DE ESTEIRO
Chégase a el pola estrada AC-566, que une Cedeira con Ferrol. A 3.5 km desde Cedeira cóllese o desvío ata a igrexa de San Fiz de Esteiro. Na pista polideportiva situada ao pé do templo encóntrase o miradoiro. Esta parroquia toma o seu nome, precisamente, do esteiro que temos fronte a nós: o esteiro do río das Mestas. O río serve de fronteira natural entre os municipios de Cedeira e de Valdoviño e é o que máis caudal achega á nosa ría. Esta zona constitúe unha reserva integral dentro da Reserva Mariña Ría de Cedeira, na cal está prohibida calquera actividade extractiva ou subacuática.
Desde este punto podemos observar unha ampla panorámica do esteiro do río das Mestas. Á nosa dereita, a península da Robaleira, co monte das Croas, onde existen restos dun antigo castro.
Localización: 43.640160, -8.041729
MIRADOIRO DE ROBALEIRA
Para chegar a el tómase o paseo marítimo da Madalena ata o final, na zona de San Isidro, e continúase a pista asfaltada que ascende entre un núcleo de casas uns 400 metros ata a indicación, á man dereita, do miradoiro da Robaleira. Aí comeza unha pista forestal que nos levará por toda a península do mesmo nome.
Atopámonos nunha das contornas de máis beleza da costa cedeiresa, que leva o seu nome pola abundante presenza de robaliza nesta zona da ría. O faro da Robaleira foi construído no ano 1861 e deseñado por Celedonio de Uribe, enxeñeiro moi importante na historia dos faros galegos. Estivo habitado ata que entrou en funcionamento o da punta Candieira, aló polo ano 1954. Fronte a nós, o bulicioso porto e a lonxa de Cedeira na punta Sarridal, coroada polo castelo da Concepción.
Nesta mesma península pódese acceder, coa marea baixa, a un par de calas: Mi Señora e Cerdeiras ou Burbullas. Se ben o acceso á primeira é complicado, á segunda pódese chegar facilmente dende o sendeiro que percorre a península de Robaleira.
Localización: 43.650694, -8.069806
MIRADOIRO DE PUNTA SARRIDAL
Chegamos a este miradoiro desde o aparcadoiro do Castelo da Concepción (chégase cruzando a Ponte Vella á dereita e a un quilómetro aproximadamente collendo o desvío do Castelo á esquerda). Desde o aparcamento sae un sendeiro peonil que percorremos ata o final (uns 300 metros).
Punta Sarridal ou península de Sarridal constitúe un enclave de gran valor estratéxico e defensivo da ría e da vila de Cedeira, xa desde a época antiga, cando neste territorio se asentaba un castro que servía de defensa da boca da ría. A ría de Cedeira está delimitada pola punta Chirlateira, no veciño municipio de Valdoviño, e pola punta do Carreiro, xa no propio concello de Cedeira.
Tomando o sendeiro da punta Sarridal chegamos tamén á cala de Sonreiras, resgardada polo porto pesqueiro, desde a que se ten acceso ás antigas cetáreas de lagosta, testemuñas do pasado vinculado ao mundo do mar desta vila.
Localización: 43.660268, -8.074267
SANTO ANTONIO DE CORVEIRO
Para chegar a Santo Antonio colleremos a mesma dirección que para o Castelo da Concepción. Cruzamos a Ponte Vella á dereita e a un quilómetro un desvío á esquerda. Desde aquí continuaremos case dous quilómetros ata atoparnos coa ermida.
Situado nun enclave privilexiado da costa de Cedeira, Santo Antonio de Corveiro é un lugar de profundo significado para a veciñanza cedeiresa. Desde este lugar pódese gozar dunha magnífica panorámica da boca da ría e, máis ao sur, de punta Frouxeira, en Valdoviño (nos días máis claros ata é posible ver ao sur cabo Prior, en Ferrol). Este lugar é escenario de privilexiados solpores, sobre todo nos meses de verán.
Localización: 43.663674, -8.069942
MIRADOIRO DE PUNTA CANDIEIRA
Para chegar a punta Candieira hai que atravesar a Ponte Vella á dereita e continuar toda a estrada ata o final, nun total de oito quilómetros aproximadamente.
Punta Candieira constitúe un dos puntos máis ao norte do municipio de Cedeira e ofrécenos unha magnífica panorámica do océano Atlántico. Atopámonos nunha contorna salvaxe entre as puntas Folgueira e Balteira, nun enclave bravo e moi ventoso das Rías Altas, flanqueado polos montes Purrido, Vilar e Tarroiba. É neste punto exacto onde todos os invernos se rexistran os máis fortes refachos de vento de Galicia. Neste salvaxe territorio atopan o seu pasto animais en liberdade, como cabalos e cabras, e é tamén nesta costa onde as ondas do océano Atlántico baten de tal xeito que o converten nun excelente lugar para a extracción do tan sonado percebe de Cedeira.
A baixada cara ao faro de Candieira, como se pode observar desde este punto, non é sinxela, xa que se debe descender por unha estrada en zigzag de dez curvas, moi estreita e empinada. Recoméndase deixar o coche neste lugar e seguir o camiño a pé para chegar ao faro. Este faro foi proxectado no ano 1929, pero o seu destino era outro, posto que nun principio estaba previsto que fose construído no Cabo Ortegal. Foi debido a estas diferenzas na localización polo que non entrou en funcionamento ata xa comezados os anos 50. A torre é hexagonal, duns seis metros de altitude, e está situada a uns 89 metros sobre o nivel do mar.
Localización: 43.704467, -8.051268
MIRADOIRO DO CHAO DO MONTE
Saímos do centro da vila en dirección a Santo André de Teixido, pola avenida Zumalacárregui. A un par de quilómetros continuamos á dereita seguindo as indicacións a Santo André e Ruta dos Miradoiros da Capelada e a uns seis quilómetros chegamos ao Miradoiro de Chao do Monte.
Desde este punto, a uns 360 metros de altitude, podemos observar a inmensidade do Atlántico fronte a nós. Ao norte (á nosa dereita) sitúase a aldea de Santo André de Teixido, asentada nun pequeno val cara ao mar, coas rochosas illas Gabeiras diante. Conta a lenda que Santo André, pescador antes que apóstolo, chega a Teixido nunha barca que se afunde e logo convértese en pedra, transformándose no que hoxe coñecemos como pena Gabeira. O punto máis elevado que se contempla desde aquí é o dos impresionantes cantís de Herbeira, os máis altos da Europa continental (620 metros sobre o nivel do mar), e xusto por detrás deles pódense albiscar os cantís cariñeses do Cadro e do Limo.
Na curva da estrada que dá acceso a este miradoiro podemos ver un dos amilladoiros que se conservan na actualidade (moreas de pedras que desde tempos ancestrais depositan os romeiros no seu camiño a Santo André). Xusto desde aquí baixa a chamada Costa Pequena, moi pronunciada e que transcorre ao longo de pouco máis dun quilómetro ata a aldea de Santo André.
Localización: 43.702378, -7.990317
MIRADOIRO DOS CARRÍS
Saímos do centro da vila cara a Santo André de Teixido, pola avenida Zumalacárregui. A un par de quilómetros continuamos á dereita seguindo as indicacións a Santo André e Ruta dos Miradoiros da Capelada e a uns seis quilómetros chegamos a este miradoiro, a continuación do miradoiro de Chao do Monte.
Desde este punto, a uns 425 metros de altitude, podemos observar a inmensidade do Atlántico fronte a nós. Ao norte (á nosa dereita) a aldea de Santo André de Teixido, asentada nun pequeno val cara ao mar, coas rochosas illas Gabeiras a continuación. O punto máis elevado que se contempla desde aquí é o dos impresionantes cantís de Herbeira, os máis altos da Europa continental (620 metros sobre o nivel do mar), e xusto por detrás deles pódense albiscar os cantís cariñeses do Cadro e do Limo. A sinuosa estrada que se ve desde aquí dános unha idea da salvaxe orografía da serra da Capelada.
Localización: 43.700611, -7.987817
CRUCEIRO DE TEIXIDELO
Saímos do centro da vila cara a Santo André de Teixido, pola avenida Zumalacárregui. A un par de quilómetros continuamos á dereita seguindo as indicacións a Santo André e Ruta dos Miradoiros da Capelada e a uns nove quilómetros chegamos a este miradoiro, a continuación dos miradoiros de Chao do Monte e dos Carrís, pasando o desvío a Santo André de Teixido.
Atopámonos en pleno corazón da serra da Capelada, no lugar chamado Teixidelo ou Curutelo. Desde este punto podemos observar á nosa esquerda (sur) a aldea de Santo André de Teixido, lugar de peregrinación ancestral envolto por numerosas lendas e tradicións e ao que cada ano chegan milleiros de persoas en romaxe polos antigos camiños de peregrinación que percorren boa parte do territorio galego.
Se ollamos á nosa dereita (norte), podemos ver as primeiras casas da aldea de Teixidelo e a seguir os cantís de Herbeira, os máis altos da Europa continental, con 620 metros de altitude, aproximadamente. Máis alá, é posible albiscar a punta do Cadro, xa no veciño municipio de Cariño.
Leslie Howard e o derrubamento do voo 777
Foi nesta salvaxe costa da serra da Capelada onde o día 1 de xuño do ano 1943, durante a II Guerra Mundial, foi derribado o avión no que viaxaba o actor británico Leslie Howard, afamado protagonista da película Lo que el viento se llevó. Este estaba de viaxe en España (era moi amigo da actriz española Conchita Montenegro) e no regreso a Inglaterra colleu un avión en Lisboa rumbo ao seu país. Tratábase dun avión de pasaxeiros co nome de Ibis, o voo número 777, e a bordo ían 17 persoas. Fronte a estas costas foi abatido por oito cazabombardeiros do exército do aire alemán que se atopaban escoltando a uns submarinos que pretendían cruzar as augas do golfo de Bizkaia, pero que debido ao mal tempo tiveron que cambiar a súa ruta para esta zona. En canto se deron conta de que o Ibis era un avión civil e non militar xa era tarde de máis. A outra teoría é que os cazas alemáns tiñan orde de derrubar un avión que facía a mesma ruta Lisboa-Inglaterra no que viaxaba Whiston Churchill, primeiro ministro británico, que se encontraba en Gibraltar tras unha visita ao norte de África. O caso é que non houbo superviventes. Leslie Howard perdeu a vida aos 50 anos fronte ás costas de Cedeira.
Localización: 43.712240, -7.972680
MIRADOIRO DE HERBEIRA
Saímos do centro da vila cara a Santo André de Teixido, pola avenida Zumalacárregui. A un par de quilómetros continuamos á dereita seguindo as indicacións a Santo André e Ruta dos Miradoiros da Capelada e a uns 12 quilómetros chegamos a este miradoiro, despois de pasar polos de Chao do Monte, os Carrís e Teixidelo.
Aos nosos pés atópanse os cantís de Herbeira, os cantís máis altos da Europa continental, cunha altitude sobre o nivel do mar de aproximadamente 620 metros e un desnivel que se achega ao 80%. Trátase dos cantís máis altos en mar aberto de toda Europa (tendo en conta que os fiordes noruegueses non son realmente cantís, senón vales glaciais inundados polo mar) e os cuartos na clasificación europea se temos en conta os cantís insulares de Noruega, illas Feroe e Irlanda. Debido á altitude, á pendente dos cantís e á proximidade do mar neste punto, pódese afirmar que estamos ante un lugar único en Europa.
As vistas desde este impresionante miradoiro abranguen punta Tarroiba e punta Balteira ao sur (á nosa esquerda), así como a poboación de Cedeira e parte da ría, na mesma dirección pero mirando ao interior. Nos días máis despexados é posible albiscar punta Frouxeira, no veciño concello de Valdoviño, e cabo Prior, en Ferrol (incluso se poden chegar a ver as illas Sisargas, a máis de 80 km de distancia). As puntas do Cadro e do Limo son visibles ao norte (á nosa dereita), así como as illas Gabeiras, aos pés do cantil. O edificio de pedra ás nosas costas é unha antiga garita de vixilancia construída polos veciños de Cedeira no ano 1805 e que foi restaurada en 2003.
Localización: 43.723730, -7.945740