Situado nun enclave privilexiado da costa de Cedeira, Santo Antón de Corveiro é un lugar de profundo significado para a veciñanza cedeirense. Dende este lugar pódese gozar dunha magnífica panorámica da boca da ría de Cedeira e, máis ao sur, de punta Frouxeira, en Valdoviño (nos días máis claros ata é posible ver ao sur cabo Prior, en Ferrol). Este lugar é escenario de privilexiados solpores, sobre todo nos meses de verán.
A ermida de Santo Antón foi construída, segundo os primeiros escritos, no ano 1661, encargada por Antonio de Pumariño Alfeirán, antigo párroco do concello de Ortigueira. Case un século despois, no ano 1747, a ermida sofre un saqueo (no cal desaparece a imaxe do santo) como consecuencia dunha batalla que se librou na ría de Cedeira entre navíos españois e ingleses e que desencadeou a construción do Castelo da Concepción, situado a un quilómetro ao sur deste templo. A ermida sofre diversas modificacións ao longo dos séculos XVIII e XIX. O retablo da ermida, do século XVII e de estilo barroco, procede da igrexa parroquial de Cedeira.
O conxunto patrimonial complétano a fonte localizada ao pé do atrio e o cristo de pedra situado a carón da ermida (ano 1746), que orixinalmente estaba colocado nunha vella ponte, xa desaparecida, na entrada da vila de Cedeira e que se trasladou a este recinto no ano 1968.

Foi poucos anos despois da construción da ermida cando se comezou a celebrar a tradicional romaría do 13 de xuño, na que se seguen a xuntar familias e grupos de amigos neste lugar para comer, beber e xuntos baixar cantando, entre lusco e fusco, polo chamado camiño de Santo Antón cara á zona vella da vila. Tamén moi afamada é a xira de Santo Antón, que se celebra o día 17 de agosto, como colofón final ás festas patronais cedeirenses.
“Iste é o camiño que me leva a San Antón,un caminiño cheo de pedras e de amor.
Hai un cruceiro vello alí e a xente vai falar sempre do seu amor”.
Así se refería Andrés do Barro, cantautor galego, a Santo Antón de Corveiro.