Punta Sarridal ou península de Sarridal constitúe un enclave de gran valor estratéxico e defensivo da ría e da vila de Cedeira, xa dende a época castrexa, cando neste territorio se asentaba un castro que servía de defensa da boca da ría. A ría de Cedeira está delimitada pola punta Chirlateira, no veciño municipio de Valdoviño, e pola punta do Carreiro, xa no concello de Cedeira.
Tense constancia, a mediados do século XVII, da existencia neste terreo da chamada “Casa da Vela”, unha garita de vixilancia onde se facían quendas de garda para defender a entrada da ría, e tamén dunha pequena batería militar dotada de catro canóns de curto calibre, da que apenas quedan os muros nas inmediacións da baliza de Sarridal.
No ano 1747 esta batería sofre un ataque que pon en evidencia a necesidade dunha defensa maior da ría de Cedeira. O día 2 de xullo dese ano, uns bergantíns españois que se dirixían ao arsenal de Ferrol dende o golfo de Bizkaia e unha fragata francesa que foi avistada en alto mar víronse obrigados a refuxiarse na ría de Cedeira ao seren ameazados por uns navíos ingleses. De pouco lles serviu, xa que remataron por prenderlles lume dentro da mesma ría. Os catro canóns da batería foron insuficientes para facerlle fronte aos navíos ingleses. Uns poucos desembarcaron na cala de Sonreiras e conseguiron chegar á capela de Santo Antón do Corveiro, a cal saquearon.
A raíz desde feito fíxose necesaria a construción dunha defensa maior: o castelo da Concepción. Foi construído nun tempo récord, xa que a finais do mesmo ano (1747) xa estaba erguido uns metros máis abaixo, na parte superior do que agora é o porto pesqueiro.
Máis aló dos enfrontamentos históricos, este enclave constitúe un miradoiro privilexiado da ría de Cedeira, reserva mariña dende o ano 2009.
Tomando o sendeiro da punta Sarridal chegamos tamén á cala de Sonreiras, resgardada polo porto pesqueiro, dende a cal se ten acceso ás antigas cetáreas de langosta, testemuñas do pasado vinculado ao mundo do mar desta vila.