A parroquia cedeirense de San Fiz de Esteiro toma o seu nome, precisamente, do esteiro que temos fronte a nós:

o esteiro do río das Mestas. Este río serve de fronteira natural entre os municipios de Cedeira e de Valdoviño e é o río que máis caudal achega á ría de Cedeira. Esta parte da ría constitúe unha reserva integral dentro da reserva mariña Ría de Cedeira, na cal está prohibida calquera actividade extractiva ou subacuática.
Dende este punto podemos observar unha ampla perspectiva do esteiro do río das Mestas. Á nosa dereita, a península da Robaleira, co monte das Croas, onde existen restos dun antigo castro: o castro das Croas. Entre outros obxectos, nel apareceu unha moeda de bronce de Augusto, acuñada posiblemente no ano 26 a.C. Neste lado da península da Robaleira criábanse as vides do país, tan famosas que no século XVI o Licenciado Molina dicía que Cedeira tiña “máis importancia de pan e viño na terra que de pesca no mar”.
No lugar de Porto do Cabo, entre Esteiro e Vilarrube, seguindo pola estrada AC-566, consérvase un importante núcleo patrimonial formado por unha ponte medieval, un antigo hospital de peregrinos e varias pousadas como a Casa da Bastona, que prestaban servizo aos romeiros. Aquí, as chamadas “caldupeiras” ofrecían unha cunca de caldo por un patacón, xa que era lugar de paso de varios camiños a Santo André e dun antigo camiño real. Aínda hoxe é parada obrigada no camiño a Santo André dende Ferrol e Xubia.