PASEO MARÍTIMO
O paseo marítimo da Vila de Cedeira transcorre dende o final da praia da Magdalena, na zona de San Isidro, ata o porto. Un longo paseo para poder desfrutar a pé da fermosura deste pobo. Durante o traxecto observarase a praia da Magdalena e a súa área recreativa, o parque da Revolta e Praza da Constitución, a Praza Roxa, os xardíns da rúa dos Mariñeiros, a “Muller Peixeira”o antigo peirao, a praia de Arealonga e xa, para culminar, o actual porto pesqueiro cedeirés, coa lonxa traballando ser descanso e o Castelo da Concepción observando dende a Punta de Sarridal. En definitiva, gozarase de multitude de zonas cun encanto especial.
PASEO FLUVIAL
O entorno do Río Condomiñas, o cal atravesa a Vila de Cedeira ata desembocar na ría, é un dos lugares favoritos de veciños e visitantes de todas as idades para pasear ou facer deporte polo casco urbano da Vila.
Paseando polas marxes do río pódese desfrutar da natureza e de fermosas vistas, ademais de observar “as dúas Cedeiras” existentes, dependendo do lado do río ó que se mire: á dereita encóntrase o casco vello, de rúas estreitas e rodeado na antigüidade por unha muralla; na marxe esquerda, a nova Cedeira, moderna e organizada en torno á praia da Magdalena e as vías de entrada e saída da Vila.
Ao longo do paseo que discorre nas marxes do río, desfrutaremos da compaña das ocas, patos e cisnes brancos e negros que poboan o río. Sen dúbida, o seu lugar favorito é o “Parque dos Patos” ou “Parque do Romeiro”, sempre á espera (sobre todo as ocas) de que algún paseante bondadoso lles regale algún petisco. Os maiores terán neste parque un lugar perfecto para poder exercitarse, xa que se trata dun parque biosaudable, dotado de diferentes aparellos de ximnasia. Tanto o parque coma o paseo fluvial en xeral son unha zona ideal para a relaxación e mesmo a lectura, con bancos dispostos ó longo de todo o espazo.
O entorno do río Condomiñas é tamén un bo espazo para a observación de distintas especies de aves migratorias e paxaros que dispoñen neste río dunha zona de refuxio, como garzas, corvos mariños ou correlimos.
Ao adentrarse no paseo, a paisaxe cambia por completo, e os edificios e vivendas practicamente desaparecen para dar paso á flora e fauna autóctonas da Vila.
Localización: 43.664115, -8.051954
PARQUES E XARDÍNS
A Vila de Cedeira conta con numerosos parques e xardíns onde os nenos poden xogar cos seus amigos e facer outros novos, ou mesmo desfrutar de divertidos momentos cos seus pais ou avós. Lugares perfectos para descansar, ler, manter conversas relaxadamente, respirar aire puro, tomar os raios de sol, admirar as vistas … En definitiva, para pasar un rato agradable.