Dende este punto, a uns 360 metros de altitude, podemos observar a inmensidade do Atlántico fronte a nós.

Ao norte (á nosa dereita) sitúase a aldea de Santo André de Teixido, asentada nun pequeno val en fronte do mar, coas rochosas illas Gabeiras a continuación. Santo André, pescador antes que apóstolo, chega a Teixido nunha barca que, segundo a lenda, se afunde e logo se petrifica; é o que hoxe coñecemos como pena Gabeira. O punto máis elevado que se contempla dende aquí son os impresionantes cantís de Herbeira, os máis altos da Europa continental (620 metros sobre o nivel do mar), e xusto por detrás destes pódense albiscar os cantís cariñeses do Cadro e do Limo.
Na curva da estrada que da acceso a este mirador podemos ver un dos amilladoiros que se conservan na actualidade (moreas de pedras que dende tempos ancestrais depositaban os romeiros no seu camiño a Santo André). Xusto dende esta curva baixa a chamada Costa Pequena, moi pronunciada e que transcorre ao longo de pouco máis dun quilómetro ata a aldea de Santo André. Cómpre ter conta de non pisar ningún animal no camiño, pois poden ser almas de xente que non fixo a romaría en vida e se ve na obriga de cumprir co camiño a Santo André reencarnado noutro ser.
Unha vez na aldea, é case obrigado comprar os chamados ‘sanandresiños’, exvotos feitos de miga de pan cuidadosamente pintados de cores vivas que simbolizan a chegada de Santo André a Teixido, algún dos cales se foron perdendo co paso do tempo, á vez que se incorporaron outros.