Aos nosos pés atópanse os cantís de Herbeira, os cantís máis altos da Europa continental, cunha altitude sobre o nivel do mar de aproximadamente 620 metros e un desnivel que se achega ao 80%. Trátase dos cantís máis altos en mar aberto de toda Europa (tendo en conta que os fiordes noruegueses non son realmente cantís, senón vales glaciais inundados polo mar) e os cuartos na clasificación europea se temos en conta os cantís insulares de Noruega, illas Feroe e Irlanda. Debido á altitude, á pendendente dos cantís e á proximidade do mar neste punto, pódese afirmar que estamos ante un lugar único en Europa.
As vistas dende este impresionante miradoiro abranguen punta Tarroiba e punta Balteira ao sur (á nosa esquerda), así como a poboación de Cedeira e parte da ría homónima, na mesma dirección pero mirando ao interior. Nos días máis despexados é posible albiscar punta Frouxeira, no veciño concello de Valdoviño, e cabo Prior, en Ferrol (incluso se poden chegar a ver as illas Sisargas, a máis de 80 km de distancia). As puntas do Cadro e do Limo son visibles ao norte (á nosa dereita), así como as illas Gabeiras, aos pés do cantil. O edificio de pedra ás nosas costas é unha antiga garita de vixilancia construída polos veciños de Cedeira no ano 1805 e que foi restaurada no 2003.
O Vento da Capelada
O “vento” ou “paredón do nordés” é como se coñece en Cedeira e Cariño a unha nube orográfica que se orixina na serra da Capelada entre ambos os municipios, sobre todo, entre os meses de abril e novembro. Esta nube orográfica (chamada así porque se forma grazas á orografía do territorio) ten grande influencia nestes dous municipios, sendo a responsable de que se creen uns microclimas específicos.
A orixe desta nube está no choque dos ventos húmidos do nordés procedentes do océano Atlántico coa altitude, sobre todo neste punto da serra da Capelada. Os ventos húmidos ascenden pola vertente nordeste da Capelada, pola zona de Cariño (ladeira sombría), deixando orballos nesta área (a Capelada fai de barreira), e descende xa sen tanta humidade pola vertente suroeste de Cedeira (ladeira solleira). Isto explica que, cando en Cariño está orballando ou nubrado a causa do “vento”, en Cedeira gocemos de ceos máis despexados e incluso de temperaturas máis altas (case dous grados de diferenza entre ambos os municipios).