No tocante á gastronomía cedeiresa, pescados e mariscos acabados de capturar constitúen a base da nosa cociña tradicional. Puro aroma e sabor a mar.
Canto ao peixe, son moitas as receitas típicas de Cedeira. Algúns exemplos destes deliciosos manxares son o rape con chícharos ou rape á cedeiresa, os chocos recheos, o bonito en salsa ou a pescada en salsa verde.
Falando de mariscos, non se pode obviar a fama internacional (e con razón) do percebe propio das nosas bravas costas. Pero tampouco se poden desmerecer outros moitos, como as centolas, os lumbrigantes, as nécoras ou os berberechiños.
Mención especial merece o famoso pastelón de Cedeira, un tipo de empanada feita con masa follada en lugar de masa de pan e rechea con bonito, bacallau con pasas, congro, zamburiñas ou polbo, por nomear algunhas das moitas variedades.
E para rematar, por que non facelo cunha deliciosa sobremesa como as nosas eses, un tipo de galleta coa forma que lle dá o nome, ou os brazos de xitano, cos seus variados recheos.
Estas e outras especialidades forman parte de xeito habitual das cartas dos locais de hostalaría do noso concello, coa mellor materia prima directa do mar ao prato.