A descuberta dos restos arqueolóxicos dun monumento con forno, tamén chamado pedra Formosa, no castro da Punta Sarridal en decembro de 2017, foi todo un achado non só para toda a veciñanza cedeiresa senón para todo o mundo da arqueoloxía. É o quinto monumento deste tipo atopado en Galicia e que nos aparecera aquí en Cedeira na primeira intervención arqueolóxica que se fai nun castro do noso Concello era algo que non nos imaxinabamos cando fixemos as primeiras sondaxes valorativas no verán do 2017. Precisamente aquelas primeiras sondaxes permitiron constatar tanto a aparición de varias estruturas de muros de vivendas de época castrexa nunha das catas realizadas no terreo de acceso á praia das Sonreiras, como un tramo da primeira muralla do castro cun aparello regular perfectamente conservado, na parcela municipal próxima ao camiño construído que leva á Punta Sarridal.

En decembro do 2017 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, financiou a escavación en área dunha superficie de 100 metros cadrados e o interese dos restos arquitectónicos descubertos na cata ampliada pegada á muralla motivaron que os traballos arqueolóxicos continuasen nesa localización. Un equipo de arqueólogos dirixidos por Emilio Ramil traballaron intensamente e loitando contra as condicións climatolóxicas desfavorables, auga, temporais de vento.. deixando ao descuberto gran parte dun monumento con forno de época galaico romana.

Na gravación e imaxes tomadas con dron por Alejandro Ramil que agora expoñemos, podemos observar os restos do que sería o forno semicircular, a cámara con piscina (a sauna de vapor) e a maior parte da antecámara que contaba cun gran banco adosado a un dos seus muros laterais. A pedra formosa, pedra ou laxa decorada e cunha pequena abertura na súa parte inferior, que iría colocada, facendo de muro e porta de acceso, entre a cámara e a antecámara, non apareceu in situ, é probable que fose expoliada cando o castro deixou de estar habitado, ou pode que nas futuras intervencións arqueolóxicas que temos previsto facer no xacemento, apareza.

Invitámosvos a que vos acheguedes ao monumento a través, por agora, destas primeiras imaxes que vos permitirán valorar o noso patrimonio arqueolóxico, histórico e arquitectónico porque todo iso forma parte dun xacemento como este da Punta Sarridal. É o noso patrimonio pasado, presente e tamén futuro e é o noso deber, coñecelo, respectalo e conservalo.