No ano 2016, o Concello de Cedeira xunto co de Burela e co de Ribadeo, elaboramos un proxecto co que se pretendía achegar a riqueza xeolóxica dos tres municipios á maior cantidade de poboación posible tanto propia como foránea. Os tres Concellos contamos cunhas particularidades xeolóxicas especiais e secuenciadas do desenvolvemento xeolóxico da nosa costa. Isto sumado á proxección turística sostible do noso territorio en conxunto, foi o que propiciou a elaboración do proxecto “Entre Arcos e Cantís”, título co que pretendíamos englobar dende os famosos arcos da Praia das Catedrais, pasando polas formacións tamén presentes en Burela ata os espectaculares cantís cedeireses. No proxecto incluímos numerosas accións, dende a realización dun curso de guías locais do litoral, elaboración de inventario xeolóxico de cada un dos Concellos, unidades didácticas destinadas a distintos rangos de idade, rutas xeolóxicas, paneis explicativos, folletos, desenvolvemento dunha aplicación móbil, deseño dun portal web, programa de visitas guiadas dirixidas a centros escolares e tamén a elaboración de vídeos, un para cada Concello e outro en conxunto.

O desenvolvemento do proxecto Entre Arcos e Cantís, aínda que contou con financiamento propio, foi posible grazas á subvención que solicitamos ao GALP, a Xunta de Galicia e a Unión Europea, Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Subvención bienal que comprendeu os anos 2016 e 2017 e que nos permitiu iniciar un camiño no que seguiremos traballando. Unha das acción desenvolvidas con máis éxito foron as xeorutas guiadas, dirixidas e executadas polo doutor en xeoloxía Fran Canosa; no noso Concello comezamos con tres realizadas na semana santa e o verán do 2016 e ampliamos a catro no 2017 xa que a demanda das mesmas así o esixía e neste 2018 continuaremos a ofrecelas nas mesmas datas.

Anímovos a que vexades os dous vídeos, un só de Cedeira cunha gravación dos nosos cantís feita cun dron e o outro no que aparecen os tres Concellos e no que ´disfrutaredes e coñeceredes toda a riqueza xeolóxica que temos coas explicacións de Fran Canosa que acompañan ás imaxes. Temos un patrimonio xeolóxico impresionante e é labor de todas e todos cuídalo e respétalo.