Atopámonos en pleno corazón da serra da Capelada, no lugar chamado Teixidelo ou Curutelo. Dende este punto podemos observar á nosa esquerda (sur) a aldea de Santo André de Teixido, lugar de peregrinación ancestral e rodeado de numerosas lendas e tradicións e ao que cada ano chegan milleiros de romeiros polos antigos camiños de peregrinación que percorren boa parte do territorio galego.
“A Santo André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo”
Se ollamos á nosa dereita (norte), podemos ver as primeiras casas da aldea de Teixidelo e, a continuación, os cantís de Herbeira, os máis altos da Europa continental, con 620 metros de altitude, aproximadamente. A continuación, é posible albiscar a punta do Cadro, xa no veciño municipio de Cariño.
Leslie Howard e o derribo do voo 777
Foi nesta salvaxe costa da serra da Capelada onde o día 1 de xuño do ano 1943, durante a II Guerra Mundial, foi derribado o avión no que viaxaba o actor británico Leslie Howard, afamado protagonista da película Lo que el viento se llevó. Este estaba de viaxe en España (era moi amigo da actriz española Conchita Montenegro) e no regreso a Inglaterra colleu un avión en Lisboa rumbo ao seu país. Tratábase dun avión de pasaxeiros co nome de Ibis, o voo número 777, e a bordo ían 17 persoas. Fronte a estas costas foi abatido por oito cazas bombardeiros do exército do aire alemán que se atopaban escoltando a uns submarinos alemáns que estaban a cruzar as augas do golfo de Bizkaia, pero que debido ao mal tempo tiveron que cambiar a súa ruta para esta zona.
En canto se deron conta de que o Ibis era un avión civil e non militar xa era demasiado tarde… A outra teoría é que os cazas alemáns tiñan orde de derribar un avión que facía a mesma ruta Lisboa-Inglaterra no que viaxaba Whiston Churchill, primeiro ministro británico, que se atopaba en Gibraltar tras unha visita ao norte de África. O caso é que non houbo supervivintes do accidente. Leslie Howard perdeu a vida aos 50 anos fronte a estas costas de Cedeira.