A súa construción foi solicitada polos habitantes de Cedeira á Armada Española con motivo do saqueo sufrido pola batería do Sarridal e a ermida de Santo Antonio do Corveiro o día dous de xullo de 1747, durante a guerra con Inglaterra.
Pero ese día non só ocorreu iso. Estes saqueos tiveron lugar despois dun conflito aínda maior. Tres barcos de guerra ingleses viñan perseguindo un navío francés, pois tamén existía rivalidade entre estes dous países, con intención de afundilo ou capturalo. Nesa persecución víronse involucrados corenta cargueiros españois que navegaban por estas costas procedentes de Biscaia e que se dirixían a Ferrol transportando madeira, ferro e outros materiais. Os ingleses aproveitaron esta situación tan favorable para atacar e prendéronlles lume a todos eles.
Unha vez derrotado o inimigo, un grupo duns vinte soldados desembarcou na praia de Sonreiras. Os cedeireses intentaron facerlles fronte cos catro canóns da batería do Sarridal, pero pronto quedaron sen munición e xa non houbo nada que facer. Os ingleses, tras arrasar a batería, marcharon monte arriba ata chegar á mencionada ermida de Santo Antonio do Corveiro e levaron dela canto puideron, incluída a propia imaxe do santo.
Debido ao temor que todo isto provocou entre a poboación, urxía construír unha fortificación que protexese a vila e a ría de futuros ataques. Tan só cinco meses despois, a edificación estaba concluída grazas aos nove mil reais consignados polo monarca Fernando VI, aos materiais doados pola Armada Española (nomeadamente, as pezas de artillería) e, de maneira moi especial, ao esforzo e o traballo do pobo cedeirés.
Nos anos de maior actividade, chegou a ter 15 canóns e 30 homes ás ordes da comandancia. Estivo ocupado ata mediados do século XIX. Xa a finais dese século comezou o seu abandono por parte do Estado. Non sería ata o século XX, xa na década dos 70, cando o concello de Cedeira se faría coa propiedade do castelo. A súa restauración tivo lugar durante a década dos 90.
Na actualidade conta cun centro de interpretación onde se poden contemplar reproducións de navíos, réplicas de traxes que os soldados vestían naquela época ou armas utilizadas nas batallas, entre outras interesantes pezas. Tamén se reconstruíron algunhas estancias do propio castelo, o que permite coñecer como eran a cociña ou o almacén de pólvora na época en que aínda estaban en funcionamento.