Cedeira conta con varias praias e calas que se adaptan perfectamente a todos os gustos. Por un lado, praias urbanas de fácil acceso e con instalacións que permiten a relaxación, pero tamén a práctica de numerosas actividades e deportes acuáticos. Por outro, areais naturais e virxes, non tan doados de alcanzar, pero que a cambio ofrecen unha experiencia única e inesquecible.

PRAIAS URBANAS

Praia da Magdalena

Trátase dunha praia urbana, con forma de enseada e cunha extensión de 1.300 metros. É de area branca e fina e augas tranquilas, perfecta para desfrutar do baño e tamén para a práctica de deportes acuáticos como a natación ou o paddle surf, entre outros. Está, ademais, moi ben gorecida dos ventos.

Nas inmediacións atópase o paseo marítimo, provisto de bancos, parque infantil e baños públicos. Entre a praia e o paseo encóntrase o piñeiral, un lugar con mesas e sombra, ideal para os xantares e merendas, ou para ler placidamente.

Dispón de:

  • Aparcadoiro
  • Duchas
  • Servizo de socorrismo
  • Accesos adaptados
  • Baños públicos
  • Servizo de alugueiro de aparellos e actividades acuáticas
  • Servizos de aloxamento e restauración próximos

Localización: 43.656648, -8.052917

Praia de Area Longa

Praia de 490 metros en contorno semiurbano, situada nas inmediacións do porto de Cedeira. De area branca e fina, augas tranquilas e protexida dos ventos, é ideal tanto para o descanso como para os deportes acuáticos. Ao tratarse dunha praia portuaria e con zona de fondeo de embarcacións, é ideal para arribar despois dunha excursión en barco pola ría.

Dispón de:

  • Aparcadoiro
  • Duchas
  • Papeleiras
  • Servizos de hostalería próximos

Localización: 43.659842, -8.067502

CALAS

Cala de Sonreiras

Pequena cala duns 20 metros situada nunha zona de moito encanto detrás do porto e o Castelo da Concepción e contigua a unha antiga cetárea abandonada. Para acceder a ela será preciso chegar á punta Sarridal e unha vez alí baixar unhas escaleiras. Tamén se pode acceder por mar. Hai que ter en conta que só pode ser visitada con marea baixa.

Dispón de:

  • Aparcadoiro próximo

Localización: 43.659188, -8.072750

Cala Burbullas ou Cerdeiras

Situada preto do faro da Robaleira, hai que acceder a pé atravesando unha preciosa e tranquila zona boscosa por un camiño estreito. É unha pequena cala duns 80 metros que só se pode visitar con marea baixa. Na cala Burbullas desfrútase dunha auga limpa e cristalina e dunhas incomparables vistas nunha espectacular paraxe natural. Aínda que é de difícil acceso, a experiencia merecerá a pena.

Localización: 43.647226, – 8.069128

Cala Mi Señora

Outra pequena cala situada na península de Robaleira. A mellor forma de acceder a ela é por mar, en pequena embarcación ou en kaiak. Tamén se pode acceder a pé, pero con maior dificultade: sería preciso atravesar o monte e logo baixar por medio dunhas lianas. Só pode ser visitada con marea baixa. Cando se dan estas condicións, pódense observar uns fermosos arcos naturais que outorgan ao lugar unha aparencia paradisíaca. Este enclave ofrece unha incrible perspectiva do porto e a vila de Cedeira.