A Ermida e o lugar de San Antonio de Corveiro teñen moi fonda significación para os veciños de Cedeira.

En canto á historia da Ermida de Corveiro, non se atopan en ningún documento referencias anteriores a xaneiro de 1662 cando faleceu unha veciña desta parroquia e no seu testamento, encargou varias misas, e deixou reflectido textualmente “mando dos en la Ermida de San Antonio de Corveiro”.

O 2 de Xullo de 1747 tres barcos estranxeiros (“unha fragata y dos paquebotes corsarios ingleses”), apareceron na ría perseguindo unhas naves de carga españolas, acabaron por dar con elas dentro da ría, e por plantarlles lume. A maiores, varios individuos da tripulación da fragata, saltaron a terra, chegaron ata a Ermida de Corveiro e arramplaron canto lles foi posible (a imaxe de S. Ramón é a única que se conserva).

Os veciños de Cedeira, advertindo a necesidade que había de precaver futuros ataques, decidiron construir un fortín, que é o “Castillo de Concepción”, que en decembro de aquel mesmo ano -1747- xa estaba rematado. Algún papel do século XVIII chámalle “Castillo de San Antonio y la Concepción de Cedeira”.

O Cristo de pedra, que se pode ver a pouquiña distancia do templo estivo algún día na entrada da Vila de Cedeira, nunha vella ponte xa desfeita sobre o río Condimiñas, de aí o motivo de que sexa coñecido tamén como “Cristo da Ponte”. Ainda que restaurado, a obra orixinal data do ano 1746. No recinto da Ermida de San Antonio leva desde 1968.

Nos anos noventa a porta de entrada da sacristía gañou en aspecto co seu novo marco de pedra de grao, aproveitado da vella e desaparecida casa rectoral cedeiresa. O cargadoiro co escudo é da mesma procedencia, e a simboloxía clerical parece cousa do século XVI, resultando ser, deste xeito, o máis antigo que hai na Ermida, mesmo ben anterior á data de fundación.

Más alá da ermida e do cruceiro, sen dúbida San Antonio é coñecido polo que o rodea. O entorno sa San Antonio de Corveiro constitue un privilexiado miradoiro da entrada da ría de Cedeira con impresionantes vistas da ría, rodeada de cantís e co océano batindo con forza a súa costa. O lugar é inigualable como área de recreo, acondicionada nos pinares que con bancos e mesas, e situado neste alto con fermosas vistas. Todos os anos a tradicional romería e posterior celebración campestre neste punto da por rematadas as festas da patrona adicadas á Virxe do Mar a mediados de agosto.

Localización: 43.663927, -8.069608