Dende este punto, a uns 425 metros de altitude, podemos observar a inmesidade do Atlántico fronte a nós. Ao norte (á nosa dereita) a aldea de Santo André de Teixido, asentada nun pequeno val en fronte do mar, coas rochosas illas Gabeiras a continuación. Santo André, pescador antes que apóstolo, chega a Teixido nunha barca que, segundo a lenda, se afunde e logo se petrifica; é o que hoxe coñecemos como pena Gabeira. O punto máis elevado que se contempla dende aquí son os impresionantes cantís de Herbeira, os máis altos da Europa continental (620 metros sobre o nivel do mar), e xusto por detrás destes pódense albiscar os cantís cariñeses do Cadro e do Limo. A sinuosa estrada que se ve dende este punto dános unha idea da salvaxe orografía da serra da Capelada.

Ao outro lado da estrada pola que se chega a este miradoiro, e situado entre tres grandes amilladoiros, atópase o cruceiro chamado Cristo dos Carrís, feito da coñecida como “pedra de Moeche” ou toelo (serpentinita). Nesta zona conflúen todos os antigos camiños a Santo André de Teixido, de aí o seu nome “dos Carrís”. A súa función era sinalar o camiño dende o lugar de Reboredo (camiño interior dende Cedeira) e o comezo do descenso da “costa grande” antes de chegar a Santo André.
Os amilladoiros son moreas de pedras que os romeiros a Santo André ían deixando no seu camino (preto dun santuario importante, cruces de camiños, lugares sagrados…). Chegáronse a contabilizar un total de 23 amilladoiros no camiño a Santo André, aínda que só se conservan media ducia deles, formados por miles de pedras que os peregrinos foron deixando ao longo dos séculos.
Cabe a posibilidade de que os amilladoiros que se atopan nas costas de baixada a Santo André de Teixido sexan os únicos destas características que se conservan no mundo, remontándose, quizais, a súa historia a antes do Neolítico, cando se supón que se deixaban pedras sobre os cadáveres para que a súa ánima non volvese ao mundo dos vivos.