“Punta Candieira, punta do Cadro, punta Herbeira. Alí as tendes en puxilato xeolóxico co Atlántico. O anaco de costa que vai do Prior aos Aguillós non ten en ningures unha maior beleza. Para pódela decir sería preciso alguna das dúas condicións seguintes; ser xeólogo que escribirá como Sir Carlos Robert Darwin cando fixo en veleiro a circunnavegación do mundo; ou ser poeta coma Pondal”

(Ramón Otero Pedrayo. Pelerinaxes I, páxs. 194-208)

 

Entre as especies animais presentes contamos con boas poboacións de mamíferos: corzos, xabaril, marta, xineta, esquío, golpe, turón o teixugo. Froito da influencia humana destacamos a desaparición do lobo, aínda vivo na toponimia (Furado do Loberno), ou a presenza da xineta, introducida polos árabes na península.

Moitas das aves presentes no monte aniñan nos acantilados e nos illotes próximos á costa, con rapaces como o miñato, falcón peregrino, gabián. Poderemos ver especies mariñas como o corvo mariño ou propias do bosque, como varias especies de páridos (que prefiren aniñar en matogueiras e árbores), o pequeño paporrubio común arrubiando entre as praderías, o tordo galego ou o ferreiriño común. Doadas de ver son as grallas, en contraste coa avefría ou a becada. Nas árbores decrépitas veremos os restos da actividade dos picos picapiñeiros.

Dos réptiles citar a víbora de Seoane, cobra de auga e diversos lagartos e lagartixas. O anfibio máis fácil de ver é a ra vermella.

Mais, á parte da fauna silvestre, o emblemático desta serra é o gando que pasta ceibo polo monte, sobre todo vacas e cabalos, que son a base da Rapa das Bestas ou Curro da Capelada que se celebra cada ano na Pena Toxosa, coa xunta do gando no monte, a rapa das crinas, a marcaxe de garañóns, a doma e as carreiras de cabalos.

A Serra da Capelada posúe unha vexetación marcada polo aproveitamento de que foi obxecto desde hai décadas. Predominan dúos comunidades diferenciadas: as masas de producción madeireira e as zonas de pasto.

Nas zonas adicadas á producción madeireira destaca a presencia do piñeiro radiata, piñeiro galega e en menor medida eucalipto. Tamén hai algúns rodais de piñeiros silvestres. Os piñeirais teñen unha grande importancia económica, ao que hai que unir a recolleita de cogumelos: níscalos e boletos principalmente.

Da vexetación arbórea orixinal pode citarse ainda algún carballo, o ameneiro, abeleira, castiñeiros, bidueiro, salgueiros, acivro e loureiro; Esta vexetación é escasa e adoita estar relegada aos barrancos. Como exemplo da degradación que sufriu esta vexetación está a desaparición do teixo, que está presente no topónimo sobranceiro da serra : Santo André de Teixido ou no veciño Teixidelo.

A vexetación arbustiva ten unha variedade maior que a anterior, destacando as comunidades dos regatos: espiño albar, pereira silvestre, abruñeiro, amieiro, madresilva e brusca. Tamén é de destacar a singularidade da vexetación das áreas hidromorfas, principalmente un tipo de breixo ou a variedade de queirugas que se extenden nas brañas e turbeiras ademais de plantas insectívoras, como as dróseras. Neste entorno é posible sosegar a ollado perante a singular beleza da orquídea Dactylorbiza maculata.

De gran riqueza son as comunidades propias das bocarribeiras e dos acantilados, destacando a súa capacidade de adaptación ás duras condicións do entorno. De importancia mitosimbólica é a Herba namoradeira ou empreñadoira, o caravel mariño; e como rarezas botánicas Angélica pachicarpa, Fritillaria lusitánica e Centaurea borgeae, catalogada esta última en perigo de extinción. Nos pasteiros aparecen comunidades mixtas de gramíneas e leguminosas (principalmente trevos), de grande valor nutritivo.

Dunitas e serpentinitas singularizan o valioso patrimonio morfolóxico da Serra da Capelada. Rochas de tipo básico e ultrabásico que xunto coas ecloxitas conforman unha paisaxe pétrea de grande valor petroxénico que criou sobre a súa enrrugada cuberta craneal un manto específico, endémico, de plantas e mato. Se as dunitas as podemos atopar aflorando nas canteiras, na especial tectónica da Candieira compre sinalar os paragneises e ao pé mesmo do faro, a presencia de granulitas e rochas serpentinizadas.

Terra de dobras e enrrugas, fracturas e esvaramentos, o conxunto xeolóxico e botánico da Capelada constitúe un continuum entre o inerte e o animado. Sen embargo, o aparente estatismo alleo a todo cambio das rochas que debuxan a codea desta serra posúen un singular perfil metamórfico xa que acusaron fondas alteracións inscritas que están e permanecerán na memoria da terra.