Cedeira leva toda a súa historia mirando e sentindo o mar. Un claro indicativo é o seu propio nome, que semella provir do latín cetarea. Non por acaso, xa na Idade Media, Cedeira destacaba como un dos portos baleeiros máis importantes de Galicia.
Castelo da Concepción, vixiando a chegada do inimigo desde 1747
Un ano de gran relevancia na historia da ría foi 1747. O 2 de xullo, corenta bergantíns españois que viñan cargando madeira e terra necesarios para a construción do arsenal de Ferrol foron derrotados nestas augas, no que se coñeceu como “rebato ou insulto do 1747”. Este feito, xunto co gran perigo que correu (e que xa viña correndo con anterioridade) a vila cedeiresa, precipitou a construción en menos de cinco meses do Castelo da Concepción, que serviría para defender a ría de posibles futuros atacantes.
Reserva Mariña de Interese Pesqueiro desde 2009
A ría de Cedeira é un espazo de gran singularidade paisaxística e ten un alto valor xeolóxico.
Co obxectivo de conservar a diversidade biolóxica e recuperar o ecosistema, a ría foi declarada no ano 2009 Reserva Mariña de Interese Pesqueiro, o que garantiu o establecemento dun modelo de xestión sostible da pesca na zona.
A declaración como Reserva Mariña permite tamén o desenvolvemento de novas oportunidades socioeconómicas a través do turismo, o ocio e a cultura mariñeira.
Na seguinte ligazón pódense ver as áreas e niveis de protección da ría:
Museo Mares de Cedeira
Máximo expoñente deste desenvolvemento da cultura mariñeira é o Museo Mares de Cedeira, situado nas instalacións portuarias. Este espazo alberga a memoria mariñeira da vila, coas industrias, traballos, ferramentas e aparellos que mostran os fortes lazos do pobo cedeirés co mar.
Iluminando o camiño: os faros
Sen dúbida, os nosos faros, imprescindibles historicamente para a navegación destas costas, son outro exemplo desa Cedeira mariñeira que mira cunha mestura de respecto e amor cara ao mar.
As nosas praias
Cedeira conta con numerosas praias que permiten a visitantes e locais desfrutar das vistas, do sol e, por suposto, do mar. Praias urbanas ou apartadas, de fácil acceso ou ás que só se pode chegar andando ou navegando e con marea baixa; todas elas cun engado que só esta costa salvaxe pode ofrecer.
Gastronomía local
E para ollar de forma lúdica cara ao mar, non hai cousa mellor mellor que a gastronomía local. Famosos son os percebes de Cedeira (os mellores do mundo para moitos), pero non menos o rape á cedeiresa (deliciosa receita de rape con chícharos), ou o pastelón (cos seus moitísimos recheos mariñeiros). A nosa cociña está chea de receitas e preparacións intimamente ligadas ao mar e de respecto ao produto. Porque saborear Cedeira tamén é inesquecible.
Exposición temporal Cedeira Mar
Cedeira Mar – Valorización da actividade Pesqueira e dos seus espazos extractivos no litoral de Cedeira.