A vía ferrata Senda do Santo está situada na Serra da Capelada no concello de Cedeira. A súa localización xeográfica fai deste lugar unha atalaia natural privilexiada dende a que se pode observar parte da paisaxe característica dos cantís atlánticos que definen a orografía do territorio de Cedeira. Os cantís de Cortes e a aldea de Santo André de Teixido dominan a panorámica, situados a poucos quilómetros do pé de vía da Senda do Santo. Ademais, a instalación atópase no denominado Complexo Xeolóxico Cabo Ortegal, territorio con relevancia científica internacional a nivel xeolóxico, candidato á Xeoparque Mundial da UNESCO.
A escalada en vías ferratas é unha actividade de risco, podendo chegar a ocasionar accidentes graves e incluso mortais. Vostede asume persoalmente os riscos e responsabilidades dos posibles danos que poida sufrir a súa persoa ou producir a un terceiro, eximindo tanto ao Concello como ao equipador da instalación de calquera responsabilidade.
O uso desta instalación deportiva está regulado polo Regulamento de Uso da vía ferrata Senda do Santo publicado no BOP nº 175 – mércores, 14 de setembro de 2022. É obrigatorio cumprir co establecino neste regulamento, particularmente nos artigos terceiro, cuarto e quinto.