Saímos do centro da vila en dirección a Santo André de Teixido pola avenida Zumalacárregui. A un par de quilómetros continuamos á dereita cara a Santo André e Ruta dos Miradoiros da Capelada. Logo de percorrer uns doce quilómetros, pasando polos miradoiros de Chao do Monte, os Carrís e Teixidelo, chegamos á Vixía da Herbeira.
Aos nosos pés atópanse os cantís de Herbeira, os máis altos da Europa continental, cunha elevación de aproximadamente 620 metros sobre o nivel do mar e un desnivel que se achega ao 80%. Trátase dos cantís en mar aberto máis altos de toda Europa (considerando que os fiordes noruegueses non son realmente cantís, senón vales glaciares inundados polo mar) e os cuartos na clasificación europea, se temos en conta os cantís insulares de Noruega, Illas Feroe e Irlanda. Debido á altitude, á pendente dos cantís e á proximidade do mar neste punto, pódese afirmar que estamos ante un lugar único en Europa.
As vistas desde este impresionante miradoiro abranguen punta Tarroiba e punta Balteira ao sur (á nosa esquerda), así como a poboación de Cedeira e parte da súa ría. Nos días máis despexados é posible albiscar punta Frouxeira, no veciño concello de Valdoviño, e cabo Prior, en Ferrol; incluso se poden chegar a ver as illas Sisargas, a máis de 80 km de distancia. As puntas do Cadro e do Limo son visibles ao norte (á nosa dereita), así como as illas Gabeiras, ao pé do cantil. O edificio de pedra ás nosas costas é unha antiga garita de vixilancia construída polos veciños de Cedeira no ano 1805 que foi restaurada en 2003.
Localización: 43.723730, -7.945740