Punta Candieira constitúe un dos puntos máis ao norte do municipio de Cedeira e ofrécenos unha magnífica panorámica do océano Atlántico. Atopámonos nunha contorna salvaxe entre as puntas Folgueira e Balteira, nun enclave bravo e moi ventoso das Rías Altas, flanqueado polos montes Purrido, Vilar e Tarroiba. É neste punto exacto onde todos os invernos se rexistran os máis fortes refachos de vento de Galicia. Neste salvaxe territorio atopan o seu pasto animais en liberdade, como cabalos e cabras, e é tamén nesta costa onde as ondas do océano Atlántico baten de tal xeito que o converten nun excelente lugar para a extracción do tan afamado percebe de Cedeira.
A baixada cara ao faro de Candieira, como se pode observar dende este punto, non é sinxela, xa que se debe descender por unha estrada en zigzag de dez curvas, moi estreita e empinada, polo que se recomenda deixar o coche neste lugar e seguir o camiño a pé para chegar ao faro. O faro de Candeira foi proxectado no ano 1929, pero o seu destino era outro, posto que nun principio estaba previsto que fora construído no Cabo Ortegal. Foi debido a estas diferenzas na localización polo que non entrou en funcionamento ata xa comezados os anos 50. A torre é hexagonal, duns 6 metros de altitude, e está situada a uns 89 metros sobre o nivel do mar.
Zona de interese xeomorfolóxico e paisaxístico
Este punto onde nos atopamos posúe unha grande importancia xeolóxica. Trátase da antiga canteira de Purrido, de onde se extraían as anfibolitas, moi empregadas para a construción de boa parte dos hórreos do municipio de Cedeira.
A área costeira que abrangue dende Punta Candieira ata Estaca de Bares (incluíndo tamén a ría de Ortigueira) constitúe un espazo mariño de grande importancia migratoria para máis dun millón de aves dunhas 15 especies distintas. O fluxo migratorio máis importante concéntrase entre os meses de agosto e novembro. Especies como a agulla colipinta, o zarapito real, a gaivota cabecinegra e sombría e o charrán patinegro e común adoitan sobrevoar estes cantís da Candieira.
Este espazo representa, así mesmo, unha das zonas de maior valor ecolóxico de Galicia, con moitas especies consideradas vulnerables: Festuca brigantina subps. Actiophyta (endemismo da provincia da Coruña), Rumex scutatus subsp. Gallaecicus (endemismo dos cantís cedeirenses), Centaurea borjae(endemismo da costa de Ferrolterra), Crepis novoana (endemismo da ría de Cedeira, en crítico risco de extinción) e Linaria aguillonensis (costa dende cabo Vilán ata Estaca de Bares).