Ao leste do municipio de Cedeira, en plena Serra da Capelada, álzase sobre os cantís San Andrés de Teixido, sen dúbida, un lugar cargado de maxia e cheo de misterio, onde as lendas permanecen vivas ao longo dos anos.
Situada nun magnífico enclave natural que acompaña de forma sublime o halo máxico que envolve esta localidade, San Andrés de Teixido é un dos lugares máis visitados tanto por galegos como por turistas atraídos polas historias e lendas que nos achegan aos aromas do pasado medieval.
A San Andrés de Teixido vai de morto O que non foi de vivo
San Andrés de Teixido é lugar de peregrinación e ten no Santuario de San Andrés un dos principais templos de culto de toda Galicia. Segundo conta a lenda, cando San Andrés chegaba aos cantís de Teixido, a súa barca naufragou e converteuse nun peñasco. Este tomou forma de barca invertida, e desde entón coñéceselle como “A Barca de San Andrés”.
Para coñecer máis sobre esta e outras lendas sobre o santuario, pode consultala nas seguintes ligazóns:
DESCARGAR Lendas de San Andrés de Teixido (GAL)
DESCARGAR Leyendas de San Andrés de Teixido (ESP)
Aínda que o santuario cristián dataría da Idade Media, o lugar de culto é moito máis antigo, remontándose con toda probabilidade aos albores da humanidade, lugar sacro de cultos relacionado coa filosofía dos druídas e o outro mundo Celta.
O santuario comenzou a construirse no século XVI, aínda que tivo diversas reformas posteriores. Enmárcase no estilo gotico con carácter mariñeiro. Da primeira, epoca, mantense na portada norte o arco apuntado. A torre situada ao lado da fachada data do século XVIII. No interior, hai pinturas murais que representan o martirio de Santo André e que foron descubertas en 1970 tras o retablo maior, barroco (s. XVIII) e cun relicario con restos do Apóstolo Santo André.
Dispón dun relevo de pedra cun escudo das armas dos Andrade e cunha cruz sanxoanista.
Independentemente da orixe do Santuario, San Andrés de Teixido converteuse nun importante punto de peregrinación que data polo menos do século XII, e que se converte nunha especial visita mestura de culto e tradición, acompañada das impactantes imaxes da bela paisaxe.
Os celtas crían que viñan do Outro mundo, un lugar máis aló das augas e que ao morrer volverían a el. A tradición conta que moitas almas en pena viaxan por Galicia formando parte da Santa Compaña e que veñen a Teixido a atopar as portas do alén, a porta que conduce ao máis aló, atravesando as bravas augas que pelexan contra as rocas dos cantís, a porta que separa a vida da outra vida.
Outra lenda conta que o Santuario foi creado polo Todopoderoso para compensar a tristeza que sentía San Andrés ao ver que todos os peregrinos dirixían os seus pasos cara a Santiago.
As rías galegas son as marcas que deixou a man de Deus cando, despois de crear o mundo, apoiouse sobre a terra para descansar. Unha pegada inmortal que peitea a costa galega.
Realizar o camiño ata San Andrés de Teixido é algo máis que unha peregrinación realizada tanto por crentes como por pagáns, pois todos déixanse seducir polo encanto especial que trae o son do vento e o mar.
Cando se visita esta terra, hai que poñer especial coidado nos seres vivos que se atopan, pois segundo a tradición, quen non visitou San Andrés de Teixido en vida, farao despois da súa morte convertido en alma en pena ou nunha pequena alimaña.
De camiño a San Andrés, na Costa Grande, Costa Pequena ou na Costa de Teixedelo atopanse Milladoiros. Son cheas de pedras que os peregrinos foron e seguen deixando e cuxa tradición se remonta posiblemente á época do Neolítico.
En Teixido os soños e desexos cobran unha importancia especial, xa que parece que aquí, todo é posible. É un lugar para redimirse dos pecados, para atopar o bo camiño, para pedir desexos e para namorarse.
Preto do Santuario e moi próxima ao mar, atópase a coñecida como a Herba de namorar. Di a lenda que conseguindo unha delas e gardándoa no peto da persoa que queres sen que ela se dea conta, conseguiríase que se namore de tí. Mais debe terse coidado de non arrincala xa que a Herba de namorar ou Armeria Pubigera, sendo unha planta dura e resistente, atópase en perigo.
Para coñecer máis sobre esta planta, pode consultala nas seguintes ligazóns:
DESCARGAR Información sobre a herba de namorar (GAL)
DESCARGAR Información sobre la hierba de enamorar (ESP)
San Andrés de Teixido é cultura popular, tradicións, o arraigamento dos mitos ancestrais, o encanto do misterio, da fe, das posibilidades.
A poucos metros da capela, atópase a Fonte do Santo, unha fonte milagrosa que nace baixo o Altar Maior da Igrexa e da que manan tres chorros de auga fresca. Trátase dunha fone de 3 canos do ano 1781 (Século XVIII) realizada en pedra con encintado en branco moi característico, como a mayoría das edificacións da contorna.
A lenda conta que se botamos unha faragulla de pan e esta frota, San Andrés concederá todo aquilo que se lle pedira; se pola contra, a faragulla de pan afúndese, as súplicas non serán atendidas.
Os Sanandreses ou sanandresiños son figuras realizadas artesanalmente con faragulla de pan endurecida e pintadas con vivas cores que acompañan e dan sorte a quen os porte, e fan referencia á vida do santo, como a man, o peixe, o pensamento, a figura do mesmo San Andrés, a barca na que chegou á costa e outras. Cada figura ten a súa particular faceta, pero en conxunto ofrecen axuda en temas de amor, traballo, viaxes, alimentos, saúde, estudos, paz e protección xeral.
O significado destas queridas figuriñas pode velo na seguinte imaxe:
Para máis información sobre a romaría e os seus costumes, pode consultala nas seguintes ligazóns:
DESCARGAR Información sobre costumes da romaría a San Andrés (GAL)
DESCARGAR Información sobre costumbres de la romería a San Andrés (ESP)
Aínda que a romaría de San Andrés se pode facer en calquera época do ano, hai uns días en particular máis propios, que son venres, sábado e domingo de Pentecostés; 24 de xuño, dende o 16 de agosto ao 9 de setembro (o día 8 de setembro hai unha misa por todos aqueles que deixaron unha esmola no santuario); o terceiro venres, sábado e domingo de setembro, o 29 deste mes e do 27 ao 30 de novembro, data na que se celebra a festividade do santo.