1 DÍA

Se non tes moito tempo para estar en Cedeira, o primeiro é recorrer o casco da nosa Vila.

O primeiro lugar que recomendamos visitar, por suposto é a Oficina de turismo, onde o visitante ten acceso a toda a información sobre Cediera. A oficina atópase ubicada no Palacete Municipal e en moitas ocasións dispón tamén de interesantes mostras e exposicións.

Unha vez recollida toda a información, iniciase o percorrido a pé polo Paseo Marítimo ao longo da Praia da Magdalena. pasando pola praza Roxa, para cruzar o Río Condomiñas ata o Casco Vello. Trátase dun casco hirtórico con estreitas rúas de trazado medieval e fermosas galerías de adeira e pedra labrada.

Un bonito xeito de coñecelo, é seguir a Ruta das Portas da Vila (Porta da Vila, Porta das Cartas, Porta de Rebordelo e Porta de Ribeira ou do Areal).

Unha vez realizado o percorrido polo casco vello, recomendase seguir camiñando polo porto ata a Praia de Arealonga.

Dando un paseo polo Camiño de Arealonga, chegamos ao Museo Mares de Cedeira na casa do pescador. O Museo Mares de Cedeira é unha iniciativa cultural museística para poñer en valor o traballo dos homes e mulleres do mar, favorecer que se coñezan os seus medios de traballo e difundir a cultura mariñeira.

Tras visitar a Vila de Cedeira, a tarde hai que pasala visitando San Andrés de Teixido, e Vixía de Herbeira, cunha sorpresa final para a posta do sol. Benvido á Galicia máxica.

Xa antes de chegar a Santo André, a poucos metros, atopámonos co Mirador Chao do Monte.

Unha vez en San Andrés é o momento de desfrutar das vistas, da paisaxe, da flora e da fauna autóctonas, da capela do século XVIII, mercar Sanandresiños, lavar as mans na fonte do santo e buscar “Herba de namorar” e “xuncos de ben parir”.

Logo da visita a San Andrés, continuamos cara os acantilados de Vixía de Herbeira, os acantilados con maior cota sobre o nivel do mar da Europa continental. No camiño, preto de San Andrés, atopamos o Mirador do Cruceiro, onde pode verse a placa que lembra que nese punto faleceu Leslie Howard (Ashley no clásico do cine “Lo que el viento se llevó”).

Unha vez no mirador dos acantilados, no punto máis alto, atopamos a “Vixía de Herbeira”, unha construcción de pedra de principios do século XIX, que forma parte dos postos de vixiancia costeira e marítima da costa.

Ao finalizar a visita, ainda hai que desfrutar dunha derradeira vista máxica de Cedeira: A posta do sol dende o Mirador de San Antonio de Corveiro, que destaca polas impresionantes vistas da ría de Cedeira, rodeada de acantilados, unha das mellores da nosa vila. Os atardeceres do mes de agosto dende San Antonio son famosos na comarca.

2 DÍA

Para que non esqueza nunca os máis bonitos segredos da nos aterra, o mellor é percorrela a pé, porque a zona da Capelada garda moitas máis sopresas máis aló da capela de Santo André de Teixido.

Coñecer a Serra da Capelada a pé e descubrir o seu patrimonio xeolóxico está o alcance de todos aqueles que o desexen coas 4 Xeorutas propostas:

  • Xeoruta do Granate:
  • Xeoruta das praias negras
  • Xeoruta dos cantís
  • Xeoruta do cromo

Hai variedade segundo a temática que interese,a dificultade, a duración ou a idade mínima.

Rutas que permiten coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do planeta, ou tocar rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade ou no fondo dun antigo océano, ou ollar a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada.

Para aqueles que se decidan polas rutas máis longas (do granate e praias negras) recomendamos levar algo de comida que poderá degustar contemplando as preciosas vistas.

Se prefire preparar a súa ruta por libre, pode realizar calquera das rutas recomendadas polo Club Montaña Ferrol (Ruta dos Peiraos, Ruta dos Carrís, Ruta das Barrosas, Ruta de Freixido, Ruta do Cal de Liñares e Camino Teixido), ou buscar rutas alternativas en Wikiloc.

De volta na vila, recomendamos iniciar a tarde no Paseo fluvial do río Condomiñas. Trátase dun espazo natural, refuxio de paxaros e aves migratorias, que permite desfrutar da riqueza natural da nosa Vila. Nesta zona pode disfrutarse tamén das instalacións do Parque do Romeiro.

Logo de realizar o percorrido polo río, o visitante pode seguir desfrutando do ambiente nas prazas e xardíns da vila como a Praza Roxa, o Parque da Revolta ou a preciosa Praza do Floreal.